o projeto

O proxecto educativo Semente Lugo forma parte da rede Escolas de Ensino Galego Semente, na que se atopan os seguintes centros: Semente Compostela, Semente Vigo e Semente Trasancos

Esta entidade constitúe unha iniciativa sen ánimo de lucro que toma o seu nome das Escolas de Ensino Galego creadas a comezos do século XX polas Irmandades da Fala e impulsadas por Leandro Carré e Ángelo Casal.

Nas Escolas de Ensino Galego, todas as actividades son desenvolvidas en lingua galega, favorecéndose a súa adquisición, conservación, coidado e consolidación. Así mesmo, deféndese o seu carácter internacional; creando un espazo de interculturalidade e fomentando a importancia do respecto cara outras culturas que viven no noso país.

O centro educativo terá por obxecto o desenvolvemento dunha pedagoxía transformadora, activa e inserida no medio natural, social e cultural propio do ámbito rural lucense. Neste senso, formulamos como fins reitores deste proxecto educativo, os seguintes:

  1. Promover unha educación, baseada na dignidade da persoa e inserida na cultura e no medio galego que emprega como ferramentas fundamentais a lingua galega, o desenvolvemento sustentábel e a inserción na cultura e nos saberes manipulativos, artísticos e ambientais do pobo galego.
  2. Dotar a nenas e nenos de experiencias transcendentes que desenvolvan a súa capacidade para seren en comunidade aprendendo a crear, transformar, dar e recibir, partindo da laicidade e a coeducación, fomentando a liberdade de pensamento.
  3. Contribuír a formar persoas arraigadas no seu contexto e capaces de transformalo, tendo como guía a autonomía persoal, o respecto á singularidade allea e a solidariedade cara ás demais persoas.
  4. Promover unha educación que, na medida do posíbel, se desenvolva en espazos abertos e con materiais nobres e non manchados (nin na extracción nin no proceso de produción) procurando a excelencia estética e ética.
  5. O respecto e coñecemento doutras culturas que viven no noso país para interaxir, crecer e traballar conxuntamente.
  6. Promover unha educación que atenda as necesidades específicas de cada unha das crianzas, que respecte os seus ritmos de aprendizaxe e de desenvolvemento tendo en conta as súas capacidades e circunstancias para crear un ambiente inclusivo e de igualdade real de oportunidades, onde a flexibilidade e a accesibilidade propicien calidade e equidade na atención á diversidade.
  1. Compartir, intercambiar, reflexionar e contrastar sobre diferentes experiencias pedagóxicas.
  2. Difundir información sobre a existencia doutras iniciativas pedagóxicas que partillen os fins da asociación, promovendo a cooperación con esas asociacións.
  3. Fomentar a autoestima lingüística, a promoción dunha “lingua de calidade” e a liberdade na norma ortográfica asegurando o coñecemento da todas elas e aproveitando as sinerxías da asunción do carácter internacional da nosa lingua. As actividades e o ambiente escolar favorecerán o coñecemento do resto da lusofonía.
  4. Organizar actividades pedagóxicas tales como excursións, visitas organizadas, obradoiros de aprendizaxe, encontros, xornadas, conferencias, concertos, charlas, exposicións ou calquera outra para a consecución dos obxectivos propostos.

Principios pedagóxicos

  • Inmersión lingüística en galego. Todas as actividades serán desenvolvidas en lingua galega, favorecendo a súa adquisición, conservación, coidado e consolidación.
  • Laicidade. Representa a condición de posibilidade dunha educación racional, baseada no coñecemento científico e afastada de mitos e supersticións.
  • Asemblearismo. Un espazo que educa na responsabilidade e na liberdade.
  • Interacción coa natureza. A integración dos nenos/as na súa contorna natural como medio para a súa valorización, coidado e coñecemento.
  • Respecto pola autorregulación da crianza. Confiando plenamente na crianza, respectando as súas emocións e ofrecéndolle medios para a resolución autónoma de conflitos
  • Integración no contexto do seu barrio. Unha educación conectada ás circunstancias do barrio no que se insire.
  • Coñecemento e valorización do patrimonio. Tanto material como inmaterial, do medio rural lucense